Finalista no GOURMAND WORLD COOKBOOK AWARDS


O LIBRO GALEGO “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” RECIBE UN
PREMIO GOURMAND WORLD COOKBOOK AWARDS

26.12.2012. Un dos Gourmand World Cookbook Awards de 2012, recoñecidos
galardóns cos que se distingue a produción editorial gastronómica, recaeu no
receitario Cociñando coas razas autóctonas, premiado como mellor libro de cociña
sostible de España. Este premio dálle o pase á gran final internacional que se
vai celebrar no Carrusel do Louvre (París) no marco da Paris Cookbook Fair,
do 22 ao 24 de febreiro.

Cociñando coas razas autóctonas é unha publicación da autoría de Rocío Garrido
Caramés (Sanxenxo, 1977) editada pola Federación de Razas Autóctonas
de Galicia-Boaga. Trátase do primeiro libro de cociña que inclúe receitas
elaboradas con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de
extinción: Ovella Galega, Cabra Galega, Galo Mos, Porco Celta, Cabalo
de Pura Raza Galega e as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e
Vianesa. No receitario tamén vén o modo de preparación de varias larpeiradas
elaboradas a base de leite, ovos e queixo fresco, todos produtos secundarios
derivados das devanditas razas.

Foi a propia Rocío quen elaborou cada un dos pratos que contén, non en van,
é afeccionada á cociña e editora do blog gastronómico La cocina de mi abuelo.
Este é o seu primeiro libro, cuxa presentación oficial tivo lugar no mes de xuño
no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat).