FEIRA DO LIBRO DE VIGO

ROCÍO GARRIDO PRESENTARÁ “COCIÑANDO COAS RAZAS AUTÓCTONAS” NA FEIRA DO LIBRO DE VIGO
03.07.2013. Este domingo 7 de xullo, ás 19.00 horas, Rocío Garrido Caramés presentará o seu libro de receitas Cociñando coas razas autóctonas na Feira do Libro de Vigo.

O receitario, editado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga, conta cun dos premios Gourmand World Cookbook de 2012, galardóns de ámbito internacional cos que se distingue a produción editorial gastronómica e que recoñeceron esta publicación como a mellor de cociña sostible de España do ano pasado.

Cociñando coas razas autóctonas inclúe receitas elaboradas pola propia autora con carnes de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción: Ovella Galega, Cabra Galega, Galo Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega e as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa. No receitario tamén vén o modo de preparación de varias larpeiradas elaboradas a base de leite, ovos e queixo fresco, todos produtos secundarios derivados das devanditas razas.

Rocío Garrido Caramés (Sanxenxo, 1976) é afeccionada á cociña e editora do blog La cocina de mi abuelo.